Con motivo da celebración do Día da Paz, a biblioteca escolar colaborou na organización dunha charla destinada ao alumnado de 3º e 4º de ESO a cargo do profesor da Universidade de Illionis en Chicago Joaquín M. Chávez, especialista en Historia contemporánea de América e participante en varias misións pacificadoras da ONU en distintos países. Concretamente nesta ocasión falou do proceso de paz levado a cabo en El Salvador entre 1992 e 1994.
O profesor explicou que en El Salvador a esquerda gañara unhas eleccións democráticas cuxo resultado non fora aceptado polos militares, o que desencadeou unha guerra civil, auspiciada polas dúas grandes potencias desde momento (EEUU dunha parte e a URSS doutra), que defendían así os seus intereses e a súa área de influencia. A guerra durou doce anos e ocasionou miles de mortos, feridos e desprazados. Só en EEUU viven na actualidade millóns de salvadoreños que tiveron que abandonar o seu país debido ao conflito.
A Igrexa tomou partido do lado dos desfavorecidos e este apoio aos pobres costoulles a moitos sacerdotes a vida. Este e outros tráxicos sucesos fixeron que a ONU decidira intervir para tratar de lograr a pacificación do territorio. Neste proceso interveu o noso invitado, que nos contou como finalmente se conseguiu a pacificación sentando a dialogar as dúas partes enfrontadas, o que derivou na convocatoria dunhas novas eleccións democráticas.
Pese ao éxito obtido, a guerra non só deixou as secuelas antes mencionadas, senón que, favorecido pola súa longa duración, o desprazamento de moitos habitantes a outros países, que os xoves non tivesen posibilidade de formarse e que unha parte importante da poboación vise o uso das armas como parte da vida cotiá, o que potenciou a aparición de grupos violentos.
O alumnado
mostrouse moi interesado no relato do conferenciante, ao que desexamos dende
este blog agradecer profundamente o privilexio que tivemos de poder escoitalo. Todo
un luxo para o noso centro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario